"Día do Libro e Dereitos de Autor no Pazo de Tor"
O Pazo de Tor, nobre casa señorial que hoxe forma parte da rede museística de Lugo, abriunos as súas portas na tarde do Día do Libro, acollendo con xenerosa hospitalidade a presentación dos últimos froitos literarios de Anxo Muíños.
Ás sete en punto Anxo Muíños falou dos tres volumes que conforman a saga Río Océano: Resurrección Haush, Navegando por Anián e Landaseiva.
Resurrección Haush nace como o primeiro elo dunha cadea literaria singular, onde se entretecen a forza do relato, o rigor do ensaio e a dUelicadeza da poesía. Nel, un xitano irlandés perdido nos confíns da Terra do Lume busca redimirse escribindo as súas vivencias, nunha travesía que abraza a perda, o amor e a persecución.
Navegando por Anián, pola súa banda, lévanos polos anos convulsos do século XX. Seguimos a Fanes, Pada e a unha escultora húngara nas súas andainas polos escenarios da historia viva: o Telón de Aceiro, o Maio francés, a Primavera de Praga ou as loitas civís nos Estados Unidos. Unha obra que mestura a aventura co retrato fiel dunha época de loitas e esperanzas.
Finalmente, Landaseiva preséntasenos como unha odisea marítima. Unha goleta que parte de San Francisco convértese no refuxio dunha xeración soñadora que busca, máis aló dos mapas coñecidos, o último territorio libre, esa utopía que sempre latexa no corazón dos homes de boa vontade.
Ao carón de Anxo estivo Rocío Peruchela, alma da editorial que fixo posible esta marabilla. Con palabras cheas de orgullo e agradecemento, Rocío destacou o labor de todo o equipo, que fixo posible a obra.
Tras a presentación, nun ambiente de íntima celebración, Anxo Muíños foi asinándolle exemplares aos asistentes mentres compartian un petisco sinxelo e agarimoso que convidaba á conversa pausada: infusións quentiñas e galletas dixestivas que souberon a amizade e recoñecemento.
Cando chegou a hora de marchar, saímos deixando atrás aquel recuncho encantado, onde os xardíns do Pazo de Tor, coidadosamente mimados, brillaban na tarde coma un escenario de conto: as árbores erguidas en silencio solemne, as flores acendidas de cor, e o ar perfumado de terra e vida nova.
Un lugar máxico para celebrar a palabra, a memoria e a liberdade que os libros nos regalan.