2º Xornada Slam Poetry Bóveda KuturN´aldea

Bóveda Slam Poetry

KuturN´aldea

2º Slam PoetryA GOLPE DE VERSOSBÓVEDA

CRÓNICA DO EVENTO

Xa imos polo segundo certame rematado.
O 27 de maio volvemos ao Centro sociocultural de Bóveda acompañados pola calidade musical dunha gran artista, Marta Pérez-batallón, que amenizou o slam encetándoo cunha fermosa interpretación acompañada do seu ukelele. 
Despois da actuación de Marta presentamos a un dos poetas anotados na reserva para o Slam,  Joserra, estudante de FP media de enfermería no Ies Daviña Rey en Monforte que  veu dende o concello de Taboada e que foi convidado a recitar a modo de "poeta de calibración". Declamou dous dos seus poemas recibindo moitos aplausos do público que quedou encantado cos seus versos.  De seguido encetouse o Slam propiamente dito e a foliada poética viuse inmersa en ovación tras ovación dun público que gozou no serán coas interpretacións dos slamer.
Participaron neste combate: Galego de Caracas, Guímaro, Roberto López Veiga, Noa Moreira, Yolanda Álvarez, Sonia Pérez e León Ferrini.
Acadaron pasar á segunda rolda o rapsodo, Galego de Caracas, lucense gañador do premio de poesía "O Facho 2023", que conseguiu facerse coa cunca de bronce tras Yolanda Álvarez, vate de Rubián, que recitou por primeira vez nun Slam e que levou a cunca de prata. Noa Moreira, recoñecida poeta da Pobra do Brollón, logrou facerse desta vez, xa participara no slam de marzo, coa cunca de ouro, e deste xeito, quedou clasificada para a Gran Final que previsiblemente se fará en novembro. Logo xa temos as dúas primeiras clasificadas para a Gran Final: Iria Seoane (1º Slam) e Noa Moreira (2º Slam).
Dende a organización damos as grazas ao concello de Bóveda e á librería Pelayo pola súa colaboración e o seu apoio e, sobre todo, ás e ós poetas que participaron e que nos agasallaron con outra velada cheiña de arte poético. Tamén, como non pode ser doutro xeito, ao público, unha parte fundamental do Slam, que colaborou activamente puntuando as intervencións dos poetas. Non esquecemos o anaquiño musical con que nos obsequiou Marta Pérez-batallón.
E xa están abertas as inscricións para o seguinte, o terceiro slam. Desta vez cambiamos a localización, para ir achegándonos ao público de distintos xeitos, e o seguinte combate farase no restaurante Paco, de Rubián.
É emocionante ver que o proxecto Bóveda Slam Poetry vai camiñando paseniño, pero camiñando.
Inda nos quedan tres certames para chegar a Gran Final e animamos aos poetas que inda non participaron nesta disciplina de poesía escénica a que o fagan. Unha forma de divulgación da poesía que se achega máis ó pobo, á rúa e en Bóveda, ao rural. Só teñen que mandarnos un correo a  Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo. indicándonos que queren participar, incluíndo o seu nome e/ou o pseudónimo e un número de teléfono, e ficará anotado. Respondemos a tódolos correos dando as indicacións precisas.
Saúde e poesía.
Xosé Casar | Piteira
Image
Image

FINALISTAS do  2º Slam

GAÑADORES DAS CUNCAS
Yolanda
YolandaCunca de Prata
Noa Moreira
Noa MoreiraCunca de Ouro
Galego de Caracas
Galego de CaracasCunca de Bronce